11/3/14

Debuxar coas letras

... é dicir, facer caligramas!
Utilizando a disposición gráfica das palabras e dos espazos, recréase unha imaxe a partir das letras que conforman un texto, moitas veces poético. Tanto se poden atopar manuscritos como mecanografados.
Guillaume Apollinaire, autor vangardista francés de principios do s.XX, foi o gran impulsor destes "poemas visuais", que se converteron nun formato de escritura moi utilizado na literatura contemporánea.







A enorma forza estética dos caligramas e o xogo de inxenio que supuña a súa creación fixo destas composicións textuais un verdadeiro paraíso para os vangardistas.
No seguinte enlaces podedes ver algúns exemplos en lingua galega:  xogos de lingua

Receita base: escoller un texto suxerente e tentar elaborar unha imaxe que faga referencia ao seu contido.
Proposta de maior dificultade, para os máis intrépidos: xerar tamén o texto que se vai "debuxar".
Mans á obra!
Para os menos enxeñosos, aquí tedes un titorial moi pormenorizado para crear caligramas.

Contraindicacións e efectos secundarios: moi adictivo.


29/8/12

Carpe diem; taller de haikus


Que é un haiku?

“Haiku é simplemente o que está acontecendo neste lugar, neste momento.”

Esta foi a definición que deu Matsuo Bashō (1644-1694), que pasa por ser o pai do xénero.


Formalmente, o haiku é un poema breve, case sempre de dazasete sílabas distribuídas en tres versos, de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente. Pero non parece ser isto o que caracteriza ó haiku, pois o mesmo Basho prescindiu desta regra moitas veces. 

O que caracteriza ó haiku e o distancia doutras formas poéticas é o seu contido. Un haiku trata de describir de forma moi breve unha escena, vista ou imaxinada. Na maioría dos poemas -mais non en todos- faise referencia a algunha das estacións do ano.

Para Basho o haiku era un camiño ó Zen. Yosa Buson (1716-1784) considerábao unha arte máis que perseguía a beleza como fin. Para Kobayashi Issa (1763–1827) constituía a expresión do seu amor polas persoas, os animais e as cousas. 

 
Para afondardes un chisco máis na historia do haiku, ler algunha mostra e moitas outras cousas, recomendámosvos os seguintes enderezos:




Animádevos a crear algún haiku que recolla o voso momento, o voso aquí e o voso agora.

E como mostra, un botón:

Noite de lúa
tralos cristais vizosos
a escuridade.

27/11/11

Outra de acrósticos

Receta orixinal para compoñer pequenos acrósticos

Ingredientes:
Un nome de persoa (o noso, ou o de alguén que queiramos).
Varias palabras relacionadas con nós mesmos ou coa persoa a quen imos agasallar co acróstico (utilizar preferentemente a imaxinación; en caso de dificultades para atopar as palabras necesarias, poden recollerse dun dicionario ou aceptar propostas doutras persoas).

Preparación:
Colócanse en maiúscula as letras que compoñen o nome, unhas debaixo das outras:
D                                                      A
E                                                      N
                                                     X
I                                                       O
A
Escóllense entre as palabras previamente seleccionadas aquelas que comezan polas letras que compoñen o nome, ata atopar as idóneas:
Dourada                                          Auga
Estrela de                                        Noite
Lume,                                              Xistra
Intrépida                                         Orixe
Amiga.

O fundamental é a combinación adecuada das palabras propostas, ben porque pertencen todas elas á mesma categoría gramatical (substantivos, adxectivos, verbos), ben pola forza do conxunto.

Para rematar, pódese transcribir o acróstico nunha cartolina -según preferencias- ou outro tipo de materiais, con distintas cores e engadir debuxos referentes ó vocabulario empregado ou algún outro tipo de decoración. Tamén pode recortarse ó redor formando algunha imaxe significativa (sol, estrela, nube...), segundo o gusto de cadaquén.

Esperamos ver a vosa creatividade cos acrósticos nominais nalgún comentario!